Saturday 04 de May de 2024

O V Concurso Fotográfico de Micoloxía repartirá 600 euros en premios


A quinta edición das Xornadas Micolóxicas transcorrerá na Pobra do Caramiñal durante o outono co obxectivo de contribuír á divulgación da micoloxía e á valoración e o respecto polos recursos naturais e o medio ambiente, tal e como manifestaron a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a técnica municipal desta área, Beatriz González.

Un ano máis, entre a programación figura o concurso fotográfico, que en cada convocatoria foi gañando participantes. O prazo de matrícula, realización e a entrega das obras establécese dende este mesmo 20 de outubro, ás 15.00 horas, ata 7 de novembro, ás 23.59 horas. A inscrición é de balde, obrigatoria e previa á entrega das obras, se ben se poderán realizar ámbolos trámites na mesma xornada. Para se anotar é preciso enviar un correo electrónico a apobra.micoloxia@gmail.com no cal se indique o nome, os apelidos e o teléfono de contacto. Unha vez recibidos eses datos, a Área do Medio Ambiente do Concello remitirá a cada persoa a tarxeta de participación no certame.

Admítense só dúas obras por persoa participante e, no caso de se entregaren máis, quedarán excluídas todas elas. Ademais, deberán ser orixinais e inéditas; as persoas participantes responsabilizaranse de se-las únicas autoras delas. Cada obra debe constar de dúas fotografías: a identificativa, onde se vexa a tarxeta de participación co nome da persoa participante e lugar onde se fixo; e a participativa anónima, sen tarxeta, que será a que se remita ó xurado.

As obras entregaranse mediante o enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com, ben directamente ou ben a través dunha ligazón do WeTransfer.

O xurado emitirá o seu ditame e as persoas gañadoras serán nomeadas por unha resolución da Alcaldía, que será publicada no Facebook do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal e na páxina web municipal, ademais de seren avisadas polo correo electrónico ou teléfono.

Os premios consistirán exclusivamente en bonos de compra na plataforma web www.deanshop.es e consideraranse tres galardóns con diferentes contías, que sumarán un total de 600 euros.

As bases completas están ó dispor na páxina web www.apobra.gal e a resolución de dúbidas sobre o concurso efectuarase a través do enderezo electrónico xa referido.